Te quiero más que a la salvación de mi alma

Te quiero más que a la salvación de mi alma
Catalina en Abismos de pasión de Luis Buñuel

LA ASOCIACION GALEGA DE EDITORES MUESTRA SU PLAN DE LECTURA

PLAN DE LECTURA
PREÁMBULO
Segundo unha idea cada vez máis espallada e aceptada, a lectura confórmase como un ben necesario e imprescindible para que a sociedade acade niveis optimos de progreso e modernidade.
Enténdese a lectura como un instrumento vital de inclusión e democratización, canle para acceder ao coñecemento, chave de transformación social e ferramenta para unha participación cidadá libre, consciente e crítica. O hábito lector favorece a reflexión, o pensamento abstracto e o xuízo crítico, ao tempo que fortalece a imaxinación e resulta imprescindible para o acceso ao patrimonio cultural niversal. Ofrécese, pois, como un dereito fundamental do cidadán e, ao mesmo tempo, resulta un apoio de indubitable valor para o desenvolvemento social.
A dinámica da información esixe cidadáns hábiles na selección crítica e na utilización das fontes informativas, cada vez máis abundantes en cantidade e cada vez máis dispares no referente á calidade. Neste contexto de saturación de datos, a lectura comprensiva e o dominio das técnicas informacionais resulta imprescindible para transformar estes datos en coñecemento. A tecnoloxía ameaza o hábito lector, mais, ao tempo, a lectura configúrase como a chave para a sociedade da información. A denominada alfabetización informacional, necesaria para a aprendizaxe regrada e para a aprendizaxe autónoma ao longo de toda a vida, require, en primeiro termo, unha sensibilización en relación á lectura de amplo espectro –lectura de textos diversos en contido, tipoloxía, xénero e complexidade; lectura en soportes diversos– e unha integración dos hábitos lectores na vida cotiá das persoas. A transcendencia destas habilidades para se sentir seguro no persoal e no social converten a lectura nun elemento de carácter estratéxico na sociedade moderna.
A realidade lingüística e cultural de Galicia confírelles un especial carácter ás intervencións no ámbito cultural: se é urxente unha intervención decidida de toda a
sociedade a prol do libro e da lectura, esta non pode entenderse dentro desta comunidade sen lles prestar unha atención prioritaria ao libro e á lectura en galego. En principio, porque o Estatuto de Galicia así o recolle, e, ao mesmo tempo, porque a situación de uso social da lingua galega e da lectura en galego así o requiren, de acordo coa realidade evidenciada nos estudos elaborados ao respecto.
O fortalecemento do sentirse pobo con lingua e cultura propias e o afianzamento da autoestima como grupo social precisan, entre outros factores, da mellora dos niveis culturais da poboación, dun aumento dos índices de lectura en xeral e de lectura en lingua galega en particular.
Os especialistas avogan por involucrar con urxencia as familias na creación de ámbitos cálidos, nos que as nenas e os nenos galegos medren alimentados con palabras e historias, con contos e cantos, con libros e outros soportes para o texto escrito, para que a lingua permaneza viva e os novos desenvolvan e consoliden os seus hábitos de lectura a través da imitación das condutas lectoras dos seus maiores, e un trato grato e íntimo coa palabra escrita, mais inciden tamén na importancia de tecer redes sociais que favorezan un uso público da lectura, igualmente grato e enriquecedor.
Cómpren instrumentos para medir os hábitos de lectura dos galegos e galegas e os condicionantes que están detrás deses hábitos; cómpren programas de intervención decidida naqueles sectores da poboación menos sensibilizados e que teñen, por diversas causas, menor acceso aos bens culturais, e cómpre aunar a capacidade das distintas administracións e dos sectores sociais máis dinámicos para que a lectura acade o papel protagonista que precisamos como sociedade. Promover a participación, a colaboración entre estes axentes sociais no deseño e desenvolvemento de iniciativas imaxinativas e contextualizadas preséntase como un obxectivo básico que o presente nos está a propor.
Este plan de lectura, froito do consenso entre diversos sectores sociais relacionados co libro, a cultura e a educación, preséntase como un decidido paso adiante para poñer a satisfacción e a información a través da palabra escrita en primeiro plano da vida social.
Este plan nace cuns obxectivos claros e contempla unhas medidas que han de desenvolverse coa participación dos diversos axentes sociais e culturais, pero tamén co impulso das administracións que teñen o deber de sustentalos. Co fin de garantir a coordinación axustada de todas as intervencións que se propoñen e a continuidade das accións que se inicien, crearase a Oficina da Lectura, que se encargará de promover o hábito lector en todos os estamentos da sociedade galega, como medio de conseguirmos un medio humano de calidade intelectual acorde coas novas posibilidades que o paso do tempo nos ofrece.
OBXECTIVOS
1. Elevar o índice de lectura da cidadanía, incidindo especialmente nos sectores menos sensibilizados
2. Fomentar en especial a lectura en galego para un maior coñecemento e valoración da nosa lingua, literatura e cultura, así como para un maior achegamento ás súas diferentes expresións e, a través dela, ás diversas culturas do mundo.
3. Favorecer a consideración social do libro e da lectura, facendo fincapé no que
significan en canto ao enriquecemento persoal da cidadanía e ao fortalecemento
dunha sociedade libre e con pleno exercicio dos seus dereitos civís e democráticos e salientando as múltiples opcións e beneficios que reporta a lectura nas súas diferentes vertentes: a información, o coñecemento e mais o ocio e o lecer.
4. Facilitar o acceso ao libro e á lectura a toda a cidadanía de Galicia mediante a
creación de novas bibliotecas públicas, virtuais e escolares, a mellora das xa existentes e o fomento da adquisición de hábitos de lectura desde os primeiros anos.
5. Propiciar a creación de bibliotecas familiares e persoais, dada a importancia que na creación dos hábitos lectores dende os primeiros anos de vida ten a iniciación e o exemplo no seo dunha familia lectora.
6. Motivar, implicar, formar e dotar de medios adecuados ao profesorado como artífice importante da promoción da lectura.
7. Poñer en valor a actividade dos mediadores, en especial dos bibliotecarios, en canto axentes esenciais do fomento da lectura.
8. Favorecer o papel das librerías como puntos especializados de venda de libros, así como axentes culturais activos indispensables para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade, e para a consolidación do tecido cultural da sociedade.
9. Favorecer o papel das bibliotecas, públicas e escolares, como servicio público
básico de promoción da lectura.
10. Propoñer a todas as institucións, públicas e privadas, empresas, medios de comunicación e a sociedade en xeral unha mobilización a favor do libro e mais da
lectura.
11. Facilitar o acceso aos libros e, por conseguinte, á lectura, do lectorado, abaratando o prezo por medio das medidas oportunas (subvencións, axudas, etc.).
12. Propiciar a creación de espazos relacionados co libro galego e a lectura nos medios de comunicación, tendo en conta a consideración social dos mesmos.
MEDIDAS
1. Elaboración de campañas de fomento da lectura, dirixidas á sociedade, con medidas específicas para os colectivos que máis o precisen.
2. Coordinación e impulso dun programa de lectura pública con outras administracións públicas, fundacións e institucións educativas, sociais, culturais e financeiras. Realización de acordos institucionais coas deputacións provinciais e cos concellos. Colaboración coas institucións e centros escolares en actividades de fomento da lectura.
3. Creación dun logotipo que identifique as actuacións do plan.
4. Celebración de eventos significativos: Día mundial do Libro, Día internacional do Libro infantil e xuvenil, Día das Letras Galegas, Día da Biblioteca, Día internacional da Tradución, Día mundial da Poesía...
5. Elaboración de campañas de publicidade institucional nos diversos medios de comunicación e outro tipo de soportes.
6. Fomento da visibilidade do libro e da lectura nos medios de comunicación públicos e privados, tanto impresos coma audiovisuais.
7. Utilización de espazos de uso ou tránsito habitual da cidadanía (medios de transporte, comercios e mercados, bares ou cafeterías, parques, etc.), con reclamos que propicien un maior achegamento e sensibilización cidadá cara á necesidade e o enriquecemento da lectura.
8. Programa de dotación de fondos bibliotecarios, tendo en conta previamente as valoracións e necesidades que fan os profesionais dos diferentes tipos de bibliotecas, para unha maior adecuación e utilidade dos fondos. Envío ás bibliotecas das obras publicadas pola Xunta e os editores galegos, previamente seleccionadas por unha comisión na que participen os profesionais de bibliotecas e os editores.
9. Fortalecer o achegamento a outros soportes -audiovisuais e multimedia- e outras formas de lectura, ademais da do libro tradicional.
10. Elaboración dun plan de traducións do corpus universal e científico.
11. Formación e sensibilización dos mediadores (profesionais de bibliotecas públicas e escolares, profesorado, animación sociocultural, animación á lectura, etc.) con cursos, campañas e outros medios cara ao fomento da lectura.
12. Elaboración dunha guía de recursos de animación á lectura e dun banco de
proxectos en internet.
13. Publicación dunha colección de obras sobre animación á lectura (experiencias,
etc.).
14. Convocatoria de certames para o fomento da lectura.
15. Creación dun portal de lectura cunha presenza importante de textos dixitalizados, ou de enlaces que conduzan a eles, e onde se contemple a posibilidade de incorporación de novas formas de creación. Nel estarán os contidos da Guía ou Axenda do libro, prevista na Lei do libro e da lectura. Conterá unha base de datos de autores, tradutores e obras e un directorio de bibliotecas, editoriais e librerías.
16. Impulso dos clubs de lectura, mesmo dos virtuais.
17. Dotación ás bibliotecas e centros de ensino de persoal, recursos materiais, técnicos e económicos para levar adiante estas accións.
18. Promoción da biblioteca e da súa imaxe pública como axente cultural activo indispensable.
19. Organización de actividades do tipo “maratón” de lecturas e outras, en datas sinaladas.
20. Promoción da libraría e da súa imaxe pública como punto especializado de venda de libros e como axente cultural activo indispensable.
21. Asegurar a edición de libros e outros soportes en sistemas de lectura accesibles ás persoas con discapacidade e outros colectivos con necesidades especiais.
22. Actuacións noutros espazos públicos ou privados, non específicos do mundo do libro, con implantación de recantos ou salóns de lectura, atendidos por colectivos de voluntarios.
23. Implantación nas bibliotecas do Sistema Bibliotecario de Galicia dun carné de lector, que a través dun sistema de puntos posibilite o acceso a vantaxes e descontos á hora de acceder a produtos de consumo cultural.
24. Favorecer a cooperación entre bibliotecas, librerías e editoriais.
25. Promoción da implicación do voluntariado nas campañas deste plan de lectura.
26 Realizar a proposta a todas as institucións, públicas e privadas, empresas, medios de comunicación e a sociedade dunha mobilización a favor do libro e máis da lectura.
29. O Plan pode apoiarse nas iniciativas xa existentes e que teñen demostrado eficacia no traballo a favor do libro galego e a lectura. Ao tempo, o Plan de lectura debe apoiar estas iniciativas para que poidan ter continuidade.
PERIODIZACIÓN
A Xunta de Galicia elaborará unha periodización das accións a levar a cabo durante o período 2005-2010 para conseguir os obxectivos deste plan de lectura.
ORZAMENTO
Este plan de lectura debe contemplar un orzamento que faga posible desenvolver as accións previstas no seu texto. Con este fin, reservarase o 1% do custo das obras públicas culturais e educativas de todas as administracións públicas. Aplicaranse así mesmo as achegas monetarias doutras entidades públicas e privadas.
AVALIACIÓN
Coa periodicidade que se determine realizaranse avaliacións sobre o cumprimento do Plan de lectura. Estas avaliacións incluirán sondaxes estatísticas de hábitos de lectura e compra de libros, coa correspondente difusión pública dos resultados.

No hay comentarios:

WIKIPEDIA

Todo el saber universal a tu alcance en mi enciclopedia mundial: Pinciopedia